luns, 13 de outubro de 2014

Miradoiro da ciencia por Jorge Mira

  Artigo que o profesor Jorge Mira, quen xa estivo entre nós en dúas ocasións, publica na Voz de Galicia, para que nos decatemos do valor e importancia da aplicación da ciencia no día a día.


O profesor Jorge Mira co premio Nobel xaponés Ei-ichi Negishi que cita no artigo
En moitas zonas do mundo rural galego gardamos a imaxe dun montón de pitiños comendo fariña ao carón dunha das clásicas «bombillas». Esa lámpada non estaba alí para darlles luz, senón calor, e é que ese invento de Thomas Alva Edison (en 1880) era máis unha estufa que unha fonte de luz: só un 10% da súa enerxía se empregaba en alumear, o resto estragábase en forma de calor.

Dado que a cuarta parte do consumo eléctrico do noso planeta se destina a iluminación, comprenderán o avance que supuxo, nos anos noventa, o descubrimento dunha nova forma de alumear (o LED branco) que apenas perde enerxía por calor, consome 20 veces menos e dura 100 veces máis. Os LED xa existían, pero en tonalidades verde e vermella e iluminaban pouco. Tres xaponeses deron feito un que emitise luz azul, o camiño para obter luz branca. Un deles tamén desenvolveu un láser moi pequeno de luz azul, base dos dispositivos Blu-ray.

Hai dous anos, o premio nobel xaponés Ei-ichi Negishi dicía en Galicia que a Academia Sueca tiña unha débeda pendente con estes tres compatriotas seus.
               Pois ben, débeda saldada: veñen de recibir o Premio Nobel de Física 2014. Xapón supera xa a barreira dos vinte Nobel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario