luns, 13 de abril de 2015

Unha mente marabillosa

Jonhn Nash é un matemático norteamericano de 86 anos que gañou o Premio Nobel de Economía en 1994. Fíxose moi popular por mor da película Unha mente marabillosa, protagonizada por Russell Crowe e gañadora de varios Óscar. Nela narrábase a súa vida, marcada pola esquizofrenia paranoide que se lle diagnosticou aos 30 anos e á que fixo fronte axudado pola súa gran capacidade lóxica. 
O traballo que lle deu o Nobel foi a súa tese doutoral, no eido da chamada teoría de xogos, que só ocupaba 27 páxinas (con mestura de parágrafos mecanografados con outros escritos a man) e tiña só 2 referencias bibliográficas. Foi un avance moi importante, de grande utilidade para os procesos de negociación, pero non ocupou o groso da súa traxectoria investigadora; mesmo el me comentaba un día (durante a semana que pasou en Galicia no 2007) que nesa tese sobraban varias das 27 páxinas. Cal foi entón o traballo que máis ocupou a súa mente? 
O que fixo no eido da xeometría e no das chamadas ecuacións en derivadas parciais. No ano 1958, pouco antes da súa crise esquizofrénica, contaba con ser recoñecido polos seus logros neses aspectos de matemática dura, pero non foi así. Esa incomprensión foi frustrante para el. 
Agora, no ano 2015, acaba de facerse xustiza histórica con esa parte agochada do seu talento, ao concedérselle por ela o Premio Abel, algo así coma o Nobel da matemática. Comparte o premio co seu colega dos anos 50 Louis Nirenberg, que é quen mellor definiu a Nash: «Pensa sobre as cousas dun xeito diferente ao resto da xente».

Catedrático de Universidade. Área de Electromagnetismo Departamento de Física Aplicada Universidade de. Santiago de Compostela. lavozdegalicia.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario