domingo, 24 de maio de 2015

Presentamos o autor

Paco Vázquez Chantada
  Francisco Xabier Vázquez naceu en Chantada e traballou en centros de ensino de A Coruña, Boiro, Louro e Muros. Actualmente traballa no IES Miraflores de Oleiros. 


 Algún día disque será quen de poder invitar os amigos á súa propia adega, aló por San Fiz ou Belesar na Ribeira Sacra.

     No terreo literario é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega desde os seus primeiros anos de fundación. Publicou A Chazca no ano 1982 en Edicións do Castro, novela na que se observa unha vontade de experimentar con distintos modelos narrativos, empregando como trama a confrontación social derivada da guerra incivil do 36.
     No ano 2003 edita en Sotelo Blanco Crónica de Ofiusa, novela de corte xuvenil na que narra unha viaxe chea de aventuras polas terras míticas de Ofiusa (Galiza).

AS NOVE BATALLAS

1ª INVASIÓN
2ª INVASIÓN
I
ESTRAÑEZA
VI
GAIBOR
II
ATAL
VII
CATOUTE
III
A COVA
VIII
A ELFE
IV
DRAGONTE
IX
MARÉ
V
FRIAMONDI
Os visitantes de Sonán ( fragmento)

     Mentres no claro acochado entre as árbores da fraga, as casas e as xentes de Sonán durmían, un alento de lobos que galgaban serra abaixo aboiaba furente na misteriosa voz da noite. Ducias de teimados cazadores ían vencendo as altas penedías, das que descían guindándose veloces por entre uces e toxeiras.

     Os seus feroces ollos xa furaban o corazón da moura fraga, espallándose en mandas entre piñeiros, lixeiros como o lóstrego, á procura do gando e mais do home, que moraban tras do bosque, nos pequenos vales ó pé do río.

     Un fato de sete cabezas poderosas, sen deixar de galopar, uliscaba devecido a caza que ventaban cada vez máis próxima. Destemidos, nin sequera minguaron a súa frenética carreira diante do atranco dunha alta cerca de toros de madeira que se erguía, circular e protectora, diante da casa sorprendida polo ataque.

     Un trebón de ferocidade estaba a piques de caer, atacando arteiro as partes máis febles da vivenda que, adurmiñada, acollía no colo terreo, o descanso profundo dos seus catro moradores.Contra a cachopa de carballo, que mantiña aínda o rescaldo do lume, bateron mesturándose co salvaxe ruxir dos lobos, berros anguriados, que se chamaban entre si e que alertaban da terrible presencia do animal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario