sábado, 23 de maio de 2015

Libro, contos e soños literarios


O profesor Francisco Vázquez Chantada mantivo na biblioteca un pracenteiro encontro co alumnado de 4º ESO.
A oportunidade de contar no centro co profesor de Lingua Castelá que á súa vez é escritor en lingua galega adoita ser unha sorte e riqueza que non se produce moi a miúdo. Para os alumnos e alumnas resulta novidoso e adoitan botar unha ollada diferente sobre a persoa coa que todos os días tratan e que lles amosa a súa afección pola literatura e os libros fóra do ámbito escolar e das obrigas académicas.


Na tarde de luns e na biblioteca amosáronse varias emocións e expectativas. As olladas sobre Paco eran moi diferentes, as preguntas sobre o libro moitas, interesantes e mesmo críticas e o profesor, coñecido na aula, era nesta hora de biblioteca outra persoa.

O libro a comentar e presentar titúlase “Crónica de Ofiusa”. A concepción do mesmo é a da trama iniciática.

 Ando, protagonista vai vivir a súa transformación de adolescente a adulto. Para Ando esa procura de liberación persoal vai cinguida á liberdade do seu pobo e case non hai distinción entre ese ideal e o persoal. Por iso ese traxecto non é doado e as probas a superar son moitas e ás veces cruentas e outras de probada templanza. Do libro chama poderosamente a atención a lingua empregada. O seu ton e mais a sintaxe lévanos a un tempo milenario, épico e en moitas ocasións lírico. Moitos e moi ricos son os elementos temáticos dos que se fornece a novela. Atopamos a literatura oral, a mitoloxía con elementos clásicos, celtas e das sagas escandinavas, e por último admiramos unha natureza e paisaxes que envolven as persoas nunha mestura de loita, forza e beleza.
                                                                                         

Mais nesta hora de biblioteca o autor non se dedicou ao seu libro. Atendendo ao auditorio que tiña diante creou unha atmosfera de literatura, feitizo e conto que transmitiu a todo o grupo que atendía engaiolado. Paco Vázquez apreixou o conto popular da man dunha fermosa historia que chegara á súa casa natal de Chantada da man do seu avó, que previamente ouvira esas palabras durante o seu período de emigrante en Cuba. Continuou coas Mil e unha noites e tal cal Sherezade logrou transformar cincuenta minutos nun intre. 

Porén, non todo son contos. Paco tamén nos quixo contar cales foron as obras, autores e mesmo personaxes que máis o impresionaron nalgún momento da súa vida. Para isto o noso compañeiro foi dando unha serie de pistas coas que o grupo averiguou con moita premura que se trataba de: Julio Verne, O Principiño e Drácula. 

Desde aquí queremos agradecer a Paco o bo momento que pasamos e como non, queremos tamén dar os parabéns ás tres rapazas gañadoras: Macarena (4ºA), Bea e Iratxe (4ºD)

E o libro? Pois…quedamos para outro día.

Equipo da biblioteca coa colaboración da profesora de Lingua Galega e Literatura de 4º ESO, Sonia Salceda Millarengo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario