venres, 15 de maio de 2015

Mil primaveras máis. Letras Galegas 2015

1. Aloumiñala como un arrolo que adurmiña o naipelo que repousa no teu colo.

2. Agasallala en todas as datas que levan dentro unha ilusión compartida e un desexo de felicidade.

3. Levala de paseo ao parque para que poida escorregar polo tobogán dos soños.

4. Usala cando namoramos como parvos para non aburrirnos como ostras.

5. Levala de compras para que vexa escaparates co cartel de rebaixas.

6. Metela na maleta que nos leva de viaxe por todos os mapas que soñamos.

7. Convidala a esa festa de aniversario onde toda a familia canta contenta unha canción desafinada.

8. Poñela elegante para que desfile polas mellores pasarelas.

9. Compartila arredor dunha mesa redonda onde alguén fai un brinde polo futuro.

10. Botala a voar con dragóns enormes antes de que Pedro Chosco entre no cuarto das crianzas a fechar todos os ollos.

11 .Lanzala ao ceo cos papaventos e botala ao chan para que bailen as buxainas.

12.Escribila nas paredes con versos que poida entender todo o mundo.

13.Levala ao traballo a primeira hora para que se comporte puntual e eficiente.

14. Introducila na listaxe da compra para que non nos esquezan o azucre e as patacas.

15 . Pedila ao camareiro para que nos saiba mellor o café con leite.

16. Amosárllela aos turistas como a mellor postal da nosa terra

e, sobre todo,

17. tirala fóra cando nos piden que a gardemos.
Cordinadora Galega de ENDL

Ningún comentario:

Publicar un comentario