xoves, 7 de maio de 2015

Picasso coruñés


No Museo de Belas Artes pódese ver e visitar a exposición dedicada a Picasso. Un Picasso aínda neno que vive na Coruña desde 1891 a 1895. Pablo Ruiz Picaso chega a cidade coruñesa con 10 anos e marcha con apenas 15 . 

 Este traballo sobre o pintor durante a súa vida coruñesa  está realizado con coidado e sobre todo con moitos recursos. Pero a estancia de Picasso coa súa familia na Coruña non deixa de ser na vida do pintor unha pinga no océano.  O visitante chega a facerse unha idea das notables aptitudes que se poden apreciar na obra do neno Picasso e naturalmente o valor sentimental e afectivo que os primeiros debuxos e pinturas puideran ter para a vida do pintor pero realmente o apoio mediático á exposición e o seu encumiamento como feito cultural de enorme trascendencia para a Coruña, está enteiramente sobredimensionado.



Torre de Hércules do Picasso neno

 Con todo imos destacar o pequeno óleo dedicado á Torre de Hércules, os retratos de esmoleiros, tema moi de moda e que Picasso vería nas obras pintadas polo seu pai, por Isidro Brocos e por Ovidio Murguía na propia Coruña. E un dos cadros máis notables pola súa feitura e acabado é  o óleo da Meniña dos pés descalzos. A exposición clausúrase o 24 de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario