viernes, 11 de septiembre de 2015

A vinganza do defunto


Carlos Reigosa estase a converter no panorama da nosa literatura en escritor de referencia á hora de lermos novela de xénero negro. Certamente o autor comezou xa hai trinta anos, con Crime en Compostela e desde ese intre consagrou tamén a parella de protagonistas, o periodista e o detective, Carlos Conde e Nivardo Castro, quen tamén neste título nos levan da man.
Estamos ante unha novela áxil, cun comezo moi orixinal que atrapa ao lector interesado por saber como vai ser ese encargo, que lle fan ao coñecido detective.
Reigosa bota man do oficio de xornalista para levarnos de pescuda en pescuda a través das diferentes personaxes para sabermos onde se atopa o primeiro cabo do novelo de tal novidoso encargo. 


 Resultan tamén moi interesantes as ambientacións históricas da vida na capital viguesa durante a II Guerra Mundial, que nos descobre un Vigo como porta de entrada e saídas de nazis e xudeus, amais doutros tráficos e intereses coma os que se desenvolveron arredor do volframio pola mesma época.
 Engádese a isto a presenza de personaxes  históricos como Francisco Vázquez, León Degrelle, Celso Collazo Lema, Augusto Assía e outros persoeiros  moi ben acaídos coa trama da novela. E sempre vai adubando o autor con interesantes alusións literarias, musicais e históricas que van enriquecendo o texto. Referencias galegas para o espazo galego que percorre Vigo pero tamén Coruña e marcha cara a América cando os protagonistas marchan a Buenos Aires e ao sur arxentino na procura das súas certezas.
A novela é certamente un texto masculino.  As personaxes femininas non interesan pois ou están mortas ou desempeñan un papel moi secundario en todo o argumento. Tamén ao noso entender, o autor alonga en demasía o desenlace e en canto a lingua non se observa empeño en  tratala literariamente.



No hay comentarios:

Publicar un comentario