martes, 6 de outubro de 2015

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Ledicia Costas vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 polo seu libro Escarlatina, a cociñeira defunta. 
O libro  gañara o Premio Merlín de Literatura Infantil, 2014 e a autora está a consolidar unha obra interesante tanto en prosa coma na poesía.
Portada da novela premiada
Texto: Celia Méndez en Revista dixital de literatura infantil e xuvenil. Criaturas

Non é só literatura exquisita senón tamén auténticas receitas, o que presenta Ledicia Costas (Vigo, 1979) enEscarlatina, a cociñeira defuntalibro gañador da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil.
Esta obra é unha boa mostra da liña temática que segue a súa autora. Falamos dunha temática social na que a finalidade de ler é a de formar mellores persoas. Non esquezamos como amosa o perigo das redes sociais no inesperado final de O corazón de Xúpiter ou mesmo a crítica á que somete os réximes autoritarios e a perda de liberdade no escuro mundo recreado en Recinto Gris.
Escarlatina, por medio dun narrador protagonista, achégase á realidade actual que estamos a vivir, expoñendo un contexto de crise económica ben descrito pola problemática duns pais que non se poden permitir mercar un bo agasallo de aniversario para o seu fillo Román, debido á situación laboral inestable que están a sufrir. Mesmo Román é consciente dos cambios no seu día a día, achacados á idea de facerse adulto: “cando eu era pequeno, non había estes problemas. Mercábanme os meus cereais favoritos no supermercado, ía a varias actividades extraescolares coma fútbol, inglés, frauta e taekwondo e mamá traíame libros novos todas as semanas. Pero dende que son maior, todo iso acabouse”.
Ao redor dese agasallo do que falabamos, un curso de cociña que cobra vida en forma da nena chamada Escarlatina, xirará toda a trama. O protagonista é un neno de once anos, nacido o día de defuntos, resolto e decidido, afeccionado á cociña quen, axudado da súa nova amiga, conseguirá cociñar un prato que gustará a vivos e mortos, condición indispensable para que Escarlatina poida resucitar e regresar ao mundo dos vivos para sempre.
Neste momento quedan perfectamente deseñados dous orixinais espazos: o Aquén, o mundo dos vivos e o Alén, mundo dos defuntos, cun protagonismo claro deste último xa que é nel onde transcorre a maior parte da acción e do tempo narrativo: tres longos días que no Aquén, equivaleron a 3 horas dende a media noite.
Pero a autora vai máis alá e presenta xunto co texto propiamente literario, receitas de cociña verdadeiras nas que o chocolate é o protagonista absoluto, creadas por un neno e dirixidas tamén a nenos, lectores implícitos delas, e que aparecen ao longo do libro, en forma de textos instrutivos en cor amarela ao igual que as instrucións de montaxe que deseñarán o formato da rapaza Escarlatina. Quedan rotos, pois os roles tradicionais presentando a Román como un rapaz que cociña e goza elaborando pratos ata conseguir as mellores receitas.

Tócanse ao longo do libro, valores esenciais como a tolerancia e a amizade de man do protagonista, autocastigándose por desconfiar da xente e compartindo vida con calquera persoa sen importarlle a súa aparencia, non hai máis que ver a relación estreita que mantén coa resucitada Escarlatina a pesar do seu aspecto: “Fedía a cortello, a latrina, a porco, a estrume, a cloaca, a cu de xabaril… Unha mestura dos cheiros máis fedorentos que poidades imaxinar”.
Mais quizais, detrás de todas as aventuras que corre Román, o punto de partida na orixe da obra estea na estreita e admirable relación entre este e o seu avó, así como no tratamento da morte deste. No seu libro presenta o avó de Román xa falecido, como un auténtico piloto de carreiras, feliz de vivir no Inframundo, co cal a autora consegue desbotar as connotacións tan negativas que ten a morte na nosa sociedade.
Xa a portada, que ofrece unha imaxe tétrica onde se poden ver caveiras e partes de animais un tanto repugnantes, fai intuír unha temática que non está moi tratada na literatura galega: a temática macabra de ultratumba. Ben é certo que xa o grupo Nós, no primeiro terzo do século XX, conscientes desta eiva, publicaron obras nesta liña: Un ollo de vidroO purgatorio de D. Ramiro ou Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveirosde Castelao, Otero Pedrayo e Vicente Risco respectivamente.
Asemade, como ocorre na obra do grupo Nós, o humor tamén aparece acotío ao longo do libro: os nomes dos habitantes do Inframundo  fan referencia á causa da morte de cada un deles. Así Escarlatina morreu da enfermidade co mesmo nome; Amanito foi vítima dunha intoxicación polo cogomelo Amanita Phalloides; e a condutora do mortobús,  Nicotina  fumaba arreo… O humor é visible tamén nos diálogos dos personaxes,  sobre todo no acento francés que presenta a araña de nome Lady Horreur; e na relación que establecen Román e o seu inseparable gato Dodoto.
A autora, seguidora declarada do director de cine Tim Burton, segue neste libro unha liña descritiva semellante á deste, que se ve acentuada coas ilustracións de Víctor Rivas (Pontevedra, 1965), e que semellan saíren do filme A Noiva Cadáver ou mesmo de Bitelchus. Incluso hai alusións explícitas neste libro á película Charlie e a fábrica de chocolate. Aí non queda todo. Mentres lemos o libro tamén podemos imaxinar o dragón de Michael Ende en La historia interminable no personaxe de Sauro, habitante do cemiterio de dinosauros; ou a araña deLa telaraña de Carlota de E.B. White no arácnido Lady Horreur.
En definitiva, a obra é extraordinaria, singular, orixinal e cargada de mensaxes que chegan ao corazón. Non hai máis que ler o final do libro, onde insiste na importancia de “perseguir os soños e pelexar por aquilo no que un cre e non renderse xamais fronte as adversidades”, aprendizaxe herdada polo protagonista do seu avó e decisiva para todos os pequenos lectores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario