xoves, 5 de novembro de 2015

Todos os Santos, defuntos, cabazas e zonchos

No remate de outubro e os dous primeiros días de novembro celebramos diferentes festas todas elas unidas entre si.  As tradicións e as festas van cambiando ao longo dos séculos e a transmisión de xeración a xeración  tamén vai  minguando e modificándose pois vanse aceptando xeitos e costumes que medios de comunicación e intereses comerciais espallan neste mundo de globalización.
 Nin a hoxe popular festa de Halloween nin o celebrado Samaín son conmemoracións de raíces galegas pero agora súmanse ás xenuinas de noso e case non as distinguimos. A festa de Todos os Santos que é o significado da palabra inglesa nunca se celebrou coma hoxe se espalla no noso país ata que a importante industria cinematográfica americana a popularizou por estas datas. Á posibilidade do disfraz de terror e zombi ou fantasma engadíronse axiña as grandes superficies comerciais que alentaron a moda. A isto súmase a celebración en colexios e institutos, que espallan o Samaín, por crelo máis autóctono mais nada hai na historia nin na nosa etnografía que certifique esta orixe.
 Cales son as tradicións de noso para estas datas?  
·        Para estas datas na nosa tradición, recollida xa polos nosos clásicos coma a xeración Nós, en Galicia tallábanse as cabazas, que se colocaban nas encrucilladas para meter medo, sabendo e coñecendo a quen viña polo camino. Era tradición mais ben masculina para amedrentar ás mozas e de paso a calquera que pasase pola contorna.

·        Outro costume, máis familiar facíase arredor da lareira. Os bos contadores narraban as historias de aparecidos, Santa Compaña e mesmo poñían na mesa o cuberto do defunto ou defuntos da casa…O caso era arrepiar…sobre todo aos máis novos.

  O manxar que non faltaba era a castaña. Case sempre había dous grupos á hora da súa celebración, o de mozos e mozas que as asaban ao aire libre, bebían o viño inda novo e despois xogaban e enredaban entre eles como tiznarse, bailar, brincar e en definitiva atopárense e namorarse ou non…

·        E un segundo grupo,  nenos e nenas, rapaces que elaboraban os rosarios, colares e pulsos coas castañas, que denominamos zonchos e saían a mostralos polo lugar.
 Por último, a celebración familiar que consistía na visita e limpeza da campa dos defuntos da casa coa ofrenda de flores e oracións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario