venres, 20 de xaneiro de 2017

VACAS


Estes días temos no IES Miraflores a exposición “VACAS” realizada en Cerceda, no CPI “O Cruce” durante o curso pasado.


A exposición forma parte do proxecto que titularon “A VAQUIÑA POLO QUE VALE”, e xurdiu en setembro de 2015, cando a crise do sector leiteiro fixo que saísen os gandeiros e gandeiras cos tractores ás rúas, e pedisen a colaboración dos consumidores.
Os alumnos e alumnas de 1ºESO de Cerceda investigaron por qué intelectuais, economistas, pintores, narradores, poetas consideraron e consideran a VACA o noso animal emblemático.
Aquí tedes o Balbino do Miraflores relendo Memorias dun neno labrego, mentres apacenta nas vacas.

Na exposición que agora temos no Miraflores podemos ver reproducións das imaxes, cadros, textos que atoparon e nos que aparece a vaca como protagonista. O alumnado de 1ºESO do noso centro está facendo esta actividade de recollida tamén.
Ademais, no proxecto interdisciplinar, localizaron as razas de vacas existentes en Galicia entre elas a coñecida “rubia galega”. Os rapaces e rapazas debuxaron e pintaron por equipos varios exemplos de cada unha das razas autóctonas de vacas galegas, e agora témolas pacendo no Miraflores. Na exposición aparecen localizadas nun mapa.
O próximo luns,23 de xaneiro, convidamos á veterinaria Pilar García para que lle explique ao noso alumnado de 1ºESO cal foi a evolución das explotación gandeiras en Galicia. Pediunos que trouxeran envases baleiros de produtos lácteos para aprender a interpretar o etiquetado. Rematada a charla relizarán unha xincana sobre a exposición.
Xa vos contaremos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario