martes, 14 de febreiro de 2017

Izan o da saca

A novela de Xosé Quiroga, Premio San Clemente 2017, espella polo seu tratamento contido e forma a práctica normalización do xénero policíaco e do best seller na nosa literatura.
A novela amosa unha coidada elaboración da estrutura narrativa que logra captar o interese do lector coas diversas secuencias narrativas e diferentes puntos de vista que o lector  logrará rematar e entender unha vez finalizada a lectura.
 Os focos narrativos levan por título  No escuro, Graciano, Galiza, N.O. da península Ibérica , que xuntamente coa historia principal e contemporánea protagonizada por Reina, o detective enriquecen unha aventura que se sustenta en feitos históricos e outros de ficción. A liña histórica da presenza de nazis no noso país está moi ben documentada e levada. Sorprende ao lector o número de acontecementos relacionados con esta trama por seren descoñecidos e que nos demostran que nunca houbo neutralidade do franquismo ante o poder nazi e que esta colaboración continuou mesmo unha vez vencidos.
 Outro elemento novelesco de perfil comercial e moi exitoso radica na introducción da saída de xerarcas nazis a través de mosteiros e institucións relixiosas. Isto dálle pé ao autor e verosemellanza narrativa inda que non histórica a amosar o papel de gardiáns do nacionalcatolicismo ao abade mitrado do Mosteiro de Samos e o bispo de Madrid, Eijo Garay como garantes e custodios de altos dignatarios nazis e no que os segredos dos sotos do mosteiro terían un papel importante.
A trama política está focalizada unicamente sobre un partido político e malia o poder omnímodo deste sobre todo o país, o seu principal representante resulta descoñecido para o investigador.
Xabier Quiroga
 Esta é a figura mellor caracterizada, o detective Reina, personaxe creado polo autor e que nos lembra a Carvalho de Montalbán, Nivardo Castro para Reigosa e un longo ecétera da novelística deste xénero.Reina prefigura un antiheroe con características moi masculinas propias de homes de máis de 40 anos. Paternalista, machista en moitas das súas actitudes, en xeneral co xénero feminino á hora de avaliar o seu comportamento de intimidade sexual e outras consideracións sobre as protestas do 15M de moi escaso valor político e humano.
O resto dos personaxes están configurados con escasos vimbios de interese agás a nai do protagonista que nos amosa un importante cambio vital que nada ten que ver coa súa vida de infancia e mocidade.
A novela no seu conxunto é dinámica, dosifica con xeito o suspense e as historias do pasado co presente  van cadrando nun mosaico de accións e intrigas
Presentación da novela no IES Pintor Laxeiro
que atrapan o lector. Unha lingua moi natural e moi adecuada xa no pasado xa no presente con rica fraseoloxía e algún monólogo oral coma o do mecánico son valores a ter en conta.
Podemos anotar algúns lapsus no autor como o de considerar que as monxas son as encargadas da manutención dos frades en Samos, o berro de "viva España" na boca dun franquista ou considerar a presenza da lingua galega na escola da República, erros que poden ser doadamente subsanados.
Os diferentes escenarios da obra están dando lugar a un interesante roteiro literario que podemos ver neste vídeo




Ningún comentario:

Publicar un comentario