sábado, 11 de marzo de 2017

Maldito D.N.I.! Reseña e encontro

Club de Lectura
Moita Letra
Encontro co autor
Pepe Carballude




No club de lectura de 1º de Bacharelato recibimos ao autor da novela que lemos no primeiro trimestre:
Maldito D.N.I.!



                       Reseña das alumnas do club de lectura de 1º de Bacharelato

Maldito DNI! é a novela do autor Pepe Carballude que vimos de disfrutar no club de lectura de 1º de Bacharelato.
Don Olimpio, o protagonista, desexa morrer oficialmente para poder vivir tranquilo os seus últimos anos, sen ter que dar conta ao fisco nin á xustiza. Quere ser feliz. E para conseguilo, decide facer chegar ao Rexistro Civil un certificado de defunción falso. Este punto de partida disparatado fai que Leonor, a súa muller, decida ocultar a verdade e axudalo co ánimo de que finalmente poida curarse.
As lendas e as tradicións galegas están moi presentes nesta divertida novela chea de misterio e sorpresas, adornados cun toque de loucura que fai rir a calquera que a lea: As ánimas viventes, a cultura da morte como alguén que convive connosco… Tamén os sentimentos, as emocións, as reflexións e a intriga. A intriga que se vai apoderando de nós cada vez máis rápido, pois esta novela algo ten de policial.
A retranca, esa habilidade para falar con segundas intencións á procura dunha graza intencionada, que nos caracteriza como galegos, é unha constante da obra. E o logro de facernos crer aos lectores que a tremenda tolería na que estaba inmerso o protagonista era algo corrente, cotián, e sorprendernos pensando que calquera de nós podería plantexarse semellante aventura na súa situación.
Pero se a lectura de Maldito DNI! nos regalou momentos moi pracenteiros, o verdadero agasallo foi coñecer a Pepe Carballude, o seu creador. Esperabamos a súa chegada con moita ilusión, a mesma coa que el nos visitou. Enseguida creou un ambiente acolledor e familiar. Trouxo con el toda esa sabiduría que amosa a través dos seus libros e contestou con amabilidade as nosas preguntas. Relatounos moitísimas historias que lle aconteceran ou que lle contaran na súa infancia e que inspiraran as outras, as literarias. Pero o máis sorprendente foi descubrir o seu proceso de creación. El comeza os relatos a raíz dalgún feito que lle sorprendeu e escribe sen saber o que acontecerá despois. Parécenos como se el mesmo fose un lector que imaxina segundo vai lendo. Un proceso máxico co que non só disfrutamos nós, senón tamén o propio autor.
O encontro con Pepe Carballude foi para nós como encontrarnos cun vello amigo.
               

       Ángela Busto de Armas, Ana Estévez Fernández e Tamara Monelos Suárez

Ningún comentario:

Publicar un comentario