martes, 27 de xuño de 2017

ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA



ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA LEDICIA COSTAS
As reunións do club comezaron o venres, 21 de outubro. Na primeira reunión, presidida pola cabaza do magosto, o club recibiu unha carta do equipo de Normalización encomendándolles unha misión: axudar a traducir o menú do comedor do IES Miraflores.
Por que a eles?
Porque o libro do primeiro trimestre ten que ver con receitas. Cal sería o libro que ían ler???
Aceptaron a misión e dividiron as tarefas. A misión rematou con éxito e o menú de novembro foi entregado.

 
 
Nesta primeira reunión houbo outra proposta de tarefa: traer as receitas máis saborosas co aspecto máis repugnante. Nunhas cuartillas tiñan que debuxar e escribir as receitas co aspecto máis desagradable. Outra opción era recoller as tradicionais de Defuntos en Galicia.
 SEGUNDA REUNIÓN: 26 de outubro
A segunda reunión despexouse a incógnita sobre o libro que ían ler: ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA. Algunhas oíran falar del. Quedaron sorprendidos coas ilustracións, gustáronlles; e tamén lles gustou que en cada capítulo houbese unha...receita. 


Propuxemos a seguinte cuestión: DESCUBRIR POR QUE O PROTAGONISTA ESTABA TAN TRISTE.
Claro, se lles apetecía podían ler ata o capítulo que quixesen. Iso si, decidindo que receita lles gustaría cociñar ou probar.
Ah! Miramos as receitas que conseguiran os compañeiros e compañeiras... noxentas!
TERCEIRA REUNIÓN: 2 de novembro
Xa descubrimos que foi o que pasou na familia Román. Non é de estrañar que estivese tan triste. A ver se Escarlatina o anima.
CUARTA REUNIÓN: 8 de novembro
 “O libro comeza a poñerse misterioso, entran ganas de seguir lendo”. Esta é a opinión da maioría.Daquela acordamos que cadaquén vai ler ata onde lle apeteza.
Teñen varias tarefas para a próxima reunión: unha proposta de nome para o club, e a proposta dun lugar do Miraflores onde tirar unha foto do grupo. E foi este.


QUINTA REUNIÓN: 15 de novembro
Mar contounos que fixo a receita das piruletas de chocolate. Estaban moi boas. Acordamos que se alguén se animaba a cociñar, tiraría fotos da elaboración e do prato rematado.
Por agora as receitas que máis apetece facer son a do brownie e das cookies de chocolate tamaño XXL.
O libro está gustando moito e hai que non pode parar de ler. Incluso dúas persoas xa o remataron. Tratamos de non desvelar ningún segredo, están moi intrigados.
A proposta desta semana é elixir os debuxos que máis gustan para reproducilos a tamaño xigantesco. Cales serán os escollidos?




SEXTA REUNIÓN: 22 de novembro
Xa están os debuxos en marcha. Acordamos que ao final da lectura imos sortear as cartolinas entre as pintoras e pintores. Os momentos estelares son cando Román puxo en marcha a Escarlatina e cando Román atopa o avó no Inframundo
A maioría xa rematou de ler o libro e quédanos só facer a reunión final no que se valore o libro. E sabiamos que ese día ía haber unha sorpresa.
DERRADEIRA REUNIÓN: 29  de novembro. Todos e todas as integrantes coinciden en que o pasaron moi ben lendo o libro.Hai alguén que vai pedir a continuación como agasallo de reis Esmeraldina, a pequena defunta.

Que cal foi a sorpresa...Paula con axuda da nai preparou cokies XXL para traer. Explicounos como as fixera. Grazas.
Que ricas!
 





Ningún comentario:

Publicar un comentario