mércores, 27 de xuño de 2018

Adeus ao escritor Xabier P. Docampo, Premio Nacional de Literatura Infantil

A literatura galega despide a un contador de historias "curtido ao lume da lareira - A Deputación coruñesa e os concellos da Coruña, Oleiros e Culleredo lembran ao autor


Docampo, nunha foto de arquivo. 
escritor e mestre Xabier P. Docampo (Rábade, Lugo, 1946), finou onte no concello coruñés de Cambre onde residía hai anos e desde onde compaxinou a docencia coa súa faceta de literato, director de teatro, guionista de radio e televisión e promotor da lingua galega
Foi "un gran contador de historias", que seducía coa palabra que aprendera de seu pai. Moitos galegos coñeceron a Docampo cando lle deron o Premio Nacional de Narrativa por Cando petan na porta pola noite (1996) unha xeración de lectores adolescentes achegáronse á literatura galega grazas a O misterio das badaladas, que saíra ao prelo dez anos antes. Docampo tamén foi merecedor do White Ravens en 1997 e 2005.


Integrante da Xeración Lamote con Agustín Fernández Paz e Paco Martín -autor Das cousas de Ramón Lamote- por seren da Terra Chá, fundadores da Nova Escola Galega e premios Nacional de Literatura infantil e xuvenil. "Quedarán como un referente na historia literaria galega, tanto pola súa dignidade moral como por instaurar a literatura infantil e xuvenil galega no postfranquismo", indicou onte o editor Manuel Bragado. "Todos os relatos se fan esfiañando a vida", dixo Docampo na presentación do seu último libro A nena do abrigo de astracán, considerado o mellor libro de narrativa do ano pasado na Gala do Libro Galego.
O labor que levou a cabo no ámbito pedagóxico enmárcase na Nova Escola Galega. Sempre vinculado á renovación pedagóxica, foi coautor de guías para a aprendizaxe da lingua galega e durante oito anos integrou o equipo de Preescolar na casa, ao tempo que pertenceu ao consello de redacción da Revista Galega de Educación.
Para a escritora Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo "elevou á categoría de arte a narración oral". 
Pola súa banda, a autora tamén Premio Nacional de Literatura Infantil e XuvenilLedicia Costas lembrou un discurso do finado, no que afirmou que "ler é procurar onde nace a liberdade". "Xabier foi un dos máis grandes e leais defensores da nosa lingua. Un home que amaba os contos como os soños. Seguirá vivo cada vez que abramos unha das súas obras", indicou.
Mentres, o escritor Manuel Rivas valorou: "O que ten a boa literatura é a condición de terra comunal. Era consciente desa condición e súa herdanza é unha sementeira de quen traballou con man sincera, ollada fértil e un humor que nos agasalla esperanza, esa realidade intelixente que traspasa a morte".

Ningún comentario:

Publicar un comentario