venres, 3 de xullo de 2020

Amor lapidado por Marga do Val

Marga do Val
Loitamos para que o alumnado non quedase atrás. “Quedar atrás” subliñou algúns aspectos que pasan desapercibidos. Non se trata do programa de contidos das diferentes materias. Trátase de aprender a aprender, de estimular ese desexo de aprender, de motivar, de practicar destrezas e, sobre todo, de convivir, socializar, de ampliarmos horizontes. A criatura que por vez primeira vai á escola, e bota a andar para agrandar o seu mundo pequeniño, volve ás catro paredes da casa, retrocede no paseo pola vida que acaba de comezar. Cantos contos lidos polas mestras chegaron ás casas, cantos xogos para acompañaren as familias, cantas barreiras houbo que vencer para esta comunicación, para que a criatura estivese no camiño novo, aínda desde a casa.




Non todos os nenos e nenas tiveron as mesmas ferramentas, o mesmo apoio e tempo da familia. A nena de último curso de primaria foi arrincada dun espazo que xa era seu, domesticado, do que por forza tiña que despedirse, dicir adeus ao camiño da escola, ao profesorado e ás amiguiñas da aula. A súa despedida foi amputada do almanaque dos seus días. 

Sumando medos estiveron as adolescentes, os adolescentes, sumando descubertas solitarias, perdéndose no que son e no que non son, no que desexan ser, incertezas que non puideron partillar, as novas tecnoloxías non poden substituílo todo. Á moza que remataba 4º de ESO abríronselle itinerarios novos coma flores, moito que elixir; o mundo tremeu máis dunha vez, cando non se recoñecía, cando espertaba e non aceptaba o seu corpo ou cando loitaba por aceptalo; cando a casa, o cuarto de sempre, eran hostís e no interior non podía crecer soa. Si, o mundo tremeu para ela, acusada de andar todo o día co móbil, se o tiña, descoñecida para a nai, para o pai, para a avoa que a coidaba mentres a nai pelexaba no mundo fóra. Houbo tantas soidades como vidas. As soidades das outras capacidades, das dislexias, dos trastornos de atención, das hiperactividades, das altas capacidades, todas ficaron máis soas. 
O que non houbo foron bicos e o amor, por isto, tamén foi lapidado. Nos corredores baldeiros e nos camiños ao Instituto perdéronse apertas, mais sobre todo bicos sen lingua e bicos con lingua. Perdeuse aprender a amar e descubrir o espertar dos corpos e todas as reaccións químicas que nunca están nos programas. 

Tampouco houbo despedidas en bacharelato e para novas navegacións só hai incógnitas. Incógnitas para recomezar cursos en setembro, para que entremos nos centros, sen saber se volverá lapidarse todo este amor que se dá, que se vive dentro. Aprendemos que o ensino presencial é necesario, a virtualidade non o pode substituír, necesario como os bicos que tampouco se viven cos teléfonos. Sabemos: en setembro non pode haber aulas numerosas, ten que haber máis profesorado, máis auxiliares, máis coidadoras, máis espazo entre nós, máis medios para aulas presencias e, se outro virus ou o mesmo nos fecha, máis medios na casa. Aprendemos que o importante é ter saúde e coa saúde non se xoga. Nais, Pais, titores legais, cidadanía, é hora de preguntarlle á Consellaría de Educación, que aprendeu. Que sabe a Consellaría? Que ten pensado a Consellaría?

Ningún comentario:

Publicar un comentario