venres, 31 de xullo de 2020

Lectura de "Xograres dun tempo novo", de Pepe Carballude.


Lembranzas esculpidas 
"En tempos de crise, só quedan os recordos"
Manuel Quiroga, violinista e pintor


A protagonista desta novela, Francisca Porta, confinada nunha residencia pola súa enfermidade, experimentará unha crise existencial no aniversario da súa voda. As lembranzas de vivencias persoais con Agustín Llaneza, o seu amor, lévanos de volta a un tempo histórico -A Segunda República- que será a estrutura ou a cerna desta narración. 

A obra está deseñada de xeito que, ao lector afastado destes eventos, lle dá a posibilidade de moverse polo mundo rural galego e achegarse ao colectivo artístico "Os Novos" que amosa o nivel cultural republicano e con membros das Misións Pedagóxicas. Con ledicia, lembrei persoas ilustres dese momento sobre as que traballei para a tese de licenciatura, como Manuel Quiroga Losada, violinista e pintor pontevedrés ou o famoso pedagogo e historiador da arte, Bartolomé Cosío, referencia para o estudo de El Greco. 

A partir do título "Xograres" podemos xogar coa palabra e establecer unha correspondencia desta novela cunha construción medieval, como unha igrexa románica pola súa énfase no adoutrinamento. 

Imos por partes:

-Temos unha estrutura: as experiencias profesionais, familiares, amables e persoais de Francisca e Agustín como integrantes da Misión Pedagóxica, distribuídas en XV capítulos a modo de piares.


-Estes piares rematan en capiteis historiados onde a memoria de Francisca vincula anécdotas do entorno con figuras relevantes coetáneas: Lugrís, Dieste, Mazas ... ou versos de Rosalía. 

-O tempo, os piares van unidos por arcos semicirculares, do mesmo xeito, aquí cada capítulo comeza cunha pequena introdución e segue virando a cimbra con dovelas esculpidas, con figuriñas de momentos memorables da mestra, como a voda no monte Pindo ou a morte da súa avoa. 

-Conclúe cada arco ou capítulo cunha despedida: "Non te entreteño máis cariño, abur e mañá seguiremos" dando desta forma entrada ao seguinte episodio. Así a estrutura novelesca adquire unha arquitectura trabada e sólida. 

-Horror vacui, importante na Idade Media. Hai que encher todo con iconografía, é dicir, contar o máximo posible. A nosa protagonista semella que a súa memoria non acaba, "a memoria inmorrente". 

Da mesma sorte que nas igrexas románicas todo serve para ilustrar, xemas, capiteis, tímpanos, portas ... onde reflectir o celestial e o infernal, igualmente, Carballude describe os horrores do inferno ao denunciar a tortura e a dor do "paseíllo". Neste contexto, reflexiona inserindo preguntas retóricas sobre o absurdo dunha guerra civil: “¿a sensatez dunha guerra? ¿ Que inimigos? ¿Os que pensaban diferente? ... 

-A típica decoración xeométrica, ou de axadrezado medievais, será o pensamento reiterativo de morriña e tristura que ten a enferma polos tempos pasados, de lugares como Malpica, Buño, Carnota, Turón, o mar bravo da Costa da Morte ou o cheiro indeleble da marusía.
Misións pedagóxicas en Malpica
-E por descontado, a porta co tímpano destinada ao parlamento principal de ensinar ó neófito. Aquí a nosa mestra celebra, desde unha suxestiva perspectiva o aniversario da voda, porque el "o seu amor" segue vivo, el "só morre o corpo, a alma no", cun flashback dentro do marco progresista do ensino das Misións Pedagóxicas, que ámbolos dous entendían como o seu modo de vida. 

Todo este pensamento e forma de sentir son como densas pedras unidas “a óso” con grampas de ferro, un exemplo témolo en Matías, o asturiano, amigo e compañeiro de conversas na residencia, ao que faltan dúas falanxes do dedo índice, dato co sitúa no "paseíllo" de Agustín, pechando o círculo da trama do retrato. 

No meu caso, coa lectura de "Xograres dun tempo novo", viñeron á miña memoria, anécdotas contadas polos meus pais ao inicio do seu labor no maxisterio, naquela época. Lembrei as conversas paternas que valoraban o primeiro momento da República como bo e avanzado no ensino e de valoración do mestre cun aumento considerable do salario


Leonor Alonso

Ningún comentario:

Publicar un comentario