martes, 28 de abril de 2015

El reflejo de las palabras

O escritor iraniano Kader  Abdolah escribe en lingua neerlandesa e dado as trazas que leva vaise converter  nun dos máis interesantes narradores  actuais. 


Coa novela El reflejo de las palabras acada unha fermosísima obra na que descubrimos o día a día dunha familia persa formada por un pai xordomudo,  nai e catro fillos, tres mulleres e un varón. Deste protagonismo coral destacan a relación entre o pai e o fillo varón, pois este desde ben cativo foi quen de se comunicar con el. 
Coa familia e desde a aldea á cidade Kader  Abdolah lévanos pola historia recente e antiga de Irán e vai mesturando diferentes tons que arrastran o lector. O escritor sabe ser intimista, épico e heroico para a loita política clandestina, e ademais  conxuga fermosamente elementos propios do realismo máxico tal como lle acaen a todo un reparador de alfombras e escritor de lingua cuneiforme, que vén sendo o cabeza de familia
Toda a obra está tinguida do misterio da palabra, como é posible a comunicación mesmamente sen dar fala, e como se pode contar historias co engado marabilloso das mil e unha noite. Todo isto o consegue Kader Abdolah nesta novela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario