mércores, 13 de agosto de 2014

Sempre en Galiza cumpre 70 anos

Sempre en Galiza publicábase por vez primeira en Bos Aires o 10 de marzo do ano 1944.
 Castelao soñaba unha terra e así nolo deixou escrito e  inda hoxe peta con forza no corazón  desta nación.
Eu vexo á nosa Terra ceibe de vezos rutinarios, de pleitos cativos e de cobizas
ruíns. 

Vexo aos homes no traballo e ás mulleres no fogar. 

Vexo aos nenos, loiros e bonitos, a comeren pantrigo con mel e manteiga. Vexo aos mozos, intelixentes e sabidos, enrequentando antergas costumes. 

Vexo mozas garridas levando cestas de liño ás fábricas de fiar, como denantes levaban o grao ao muíño, e véxoas dispois a teceren lenzos insuperables. 

Vexo casas limpas e hixiénicas, de feitura paisana e de acordo coas comenencias 
da vida labrega e mariñeira. 
Vexo os montes repoboados e cobertos de piñeiraes.
Vexo grandes fábricas de pasta de papel e de produtos derivados do leite. 
Vexo Centros de investigación e de esperimentación agropecuaria. 

Vexo piscifactorías, Laboratorios costeiros i Escolas de pesca. 
Vexo á Universidade de Sant-Iago convertida en cerebro de Galiza, irradiando 
cultura e saber máis alá dos lindeiros naturaes da nosa Terra. 

Vexo Escolas ruraes de formación campesiña, para soerguer a comunidade aldeán. 
Vexo a esplotación mecánica das nosas canteiras de granito. 
Vexo a nosa artesanía renascida e superada. 

Vexo Sindicatos produtores de semente, rexidos por xenetistas 
esperimentados. Vexo pazos para albergar as Cooperativas, mellores que en Dinamarca. 
Vexo enormes criadeiros de mariscos. Vexo o trafego dun gran porto pesqueiro - 
o máis importante de Europa-. Vexo cangar barcos con peras urracas e mazáns 
tabardillas.

  
Vexo, en fin, unha Terra farturenta, onde todos traballan e viven en paz. Vexo a miña Terra como unha soia cibdade, a cibdade-xardín máis fermosa do mundo, a cibdade ideal para os homes que queiran vivir a carón da Natureza. 

Así soñábamos Bóveda e mais eu nos días de espranza. Así sigo soñando eu, polos dous,...


Ningún comentario:

Publicar un comentario