Castelao soñaba unha terra e así nolo deixou escrito e inda hoxe peta con forza no corazón desta nación.
Eu vexo á nosa Terra ceibe de vezos rutinarios, de pleitos cativos e de cobizas
ruíns.
Vexo aos homes no traballo e ás mulleres no fogar.
Vexo aos nenos, loiros e bonitos, a comeren pantrigo con mel e manteiga. Vexo aos mozos, intelixentes e sabidos, enrequentando antergas costumes.
Vexo mozas garridas levando cestas de liño ás fábricas de fiar, como denantes levaban o grao ao muíño, e véxoas dispois a teceren lenzos insuperables.
Vexo casas limpas e hixiénicas, de feitura paisana e de acordo coas comenencias
da vida labrega e mariñeira.
Vexo os montes repoboados e cobertos de piñeiraes.
Vexo grandes fábricas de pasta de papel e de produtos derivados do leite.
Vexo Centros de investigación e de esperimentación agropecuaria.
Vexo piscifactorías, Laboratorios costeiros i Escolas de pesca.
Vexo á Universidade de Sant-Iago convertida en cerebro de Galiza, irradiando
cultura e saber máis alá dos lindeiros naturaes da nosa Terra.
Vexo Escolas ruraes de formación campesiña, para soerguer a comunidade aldeán.
Vexo a esplotación mecánica das nosas canteiras de granito.
Vexo a nosa artesanía renascida e superada.
Vexo Sindicatos produtores de semente, rexidos por xenetistas
esperimentados. Vexo pazos para albergar as Cooperativas, mellores que en Dinamarca.
Vexo enormes criadeiros de mariscos. Vexo o trafego dun gran porto pesqueiro -
o máis importante de Europa-. Vexo cangar barcos con peras urracas e mazáns
tabardillas.
Vexo, en fin, unha Terra farturenta, onde todos traballan e viven en paz. Vexo a miña Terra como unha soia cibdade, a cibdade-xardín máis fermosa do mundo, a cibdade ideal para os homes que queiran vivir a carón da Natureza.
Así soñábamos Bóveda e mais eu nos días de espranza. Así sigo soñando eu, polos dous,...
Ningún comentario:
Publicar un comentario