Camelias para Rosalía
Víctor F. Freixanes
24/2/2013
A biografía de Rosalía de Castro está por escribir, como advertía Carballo Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea en 1973. Existen achegas parciais. A documentadísima biografía de Manuel Murguía que publicou recentemente Xosé Ramón Barreiro deita moita luz sobre as relacións familiares e a vida do matrimonio. Pero o relato biográfico, documentado e contextualizado na época e mais nas circunstancias persoais da escritora, está aínda por facer. Un aura de misterio envolveu de sempre a figura da autora de Follas novas, que en parte a mitificou e en parte deformou tamén a súa personalidade, mesmo as súas motivacións máis íntimas, algo que as novas xeracións de estudosos deberían acometer.
Teimo na miña idea de celebrar os nacementos, non as defuncións. Na historia das nosas letras contemporáneas, este 24 de febreiro, cando a terra empeza a acordar do longo soño do inverno, é unha data luminosa. A figura de Rosalía de Castro é a gran bandeira da nosa renacenza. Non coñezo outra literatura no mundo que poida presumir de levar na flor da dianteira o nome dunha muller. Beizóns para as iniciativas que neste día están a celebrarse en toda Galicia en memoria da nosa autora, da que este ano conmemoramos a primeira edición de Cantares galegos en Vigo hai 150 anos.
Camelias para Rosalía de Castro. Camelias brancas, que son as que máis madrugan. Se tivese que escoller unha flor para cada poeta, esta é, na miña opinión, a que mellor lle cadraría. Hai quen anda cun toxo bravo zorregando aquí e acolá. Hai quen prefire a rosa de cen follas (Ramón Cabanillas), a humilde delicadeza da xesta (Noriega Varela), o perfume do alecrín, o esplendor ventureiro dos pampullos nos amañeceres de maio? No caso de Rosalía eu inclinaríame sen dúbida polas camelias.
Imaxinade as rúas de Galicia inzadas estes días de versos de Rosalía e de camelias. Rapaces e rapazas dos institutos, as novas xeracións, ofrecendo aos transeúntes unha flor e un verso da nosa poeta. Para lembrala. Para dicirlle que estamos aquí (seguimos aquí) malia as coriscadas e as dificultades dos tempos. Flores para a celebración de nós mesmos. Paréceme unha fermosa iniciativa que poño enriba da mesa para quen queira collela, igual que no mes de maio celebramos as nosas letras. Todos os anos, nesta data de febreiro, pételas luminosas para Rosalía coas palabras da nosa primeira autora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario