sábado, 22 de agosto de 2015

"Tes ata as 10" novela de Francisco Castro


Novela recollida na colección Costa Oeste de Galaxia e que vai dirixida a lectores mozos e adultos sen distinción.
A historia que presenta Francisco Castro entretén e cóllete de xeito que non es quen de abandonar a lectura. O libro enmárcase na trama de ir pescudando a auténtica biografía do pai do protagonista. O autor válese dos correos electrónicos de seu pai para ir deixando sinais e pegadas que descubran a súa verdadeira vida. Trátase dun xogo que durante a súa infancia o protagonista realizaba co  pai. Pero el mesmo non se explica que unha vez difunto e enterrado reciba no ordenador as mensaxes do pai, e deste xeito vai descubir a vida para el descoñecida do seu proxenitor e aparecen así as personaxes da novela.
 No tratamento das mesmas atopamos unha nai cruel e vingativa e por outra parte un pai,  modelo de virtudes e de honroso pasado antifranquista. Esta caracterización tan polarizada vén sendo un dos puntos febles da novela porque no caso da caracterización materna non deixa case de ser unha caricatura da maldade. Por outra parte, que o pai realizase unha dobre vida sen o coñecemento de ninguén, sendo el un afamado director do xornal local que ademais casa coa única filla dun coñecido e rico editor non nos resultou moi verosímil.

Malia todo a novela déixase ler e o autor sabe manter a intriga da historia cunha lingua urbana e moi actual e no uso diario das novas tecnoloxías acerta á hora de acadar o suspense da historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario