martes, 27 de novembro de 2018

A primeira gramática da lingua galega,


Lembramos estes días a edición da que consideramos a primeira gramática da lingua galega, a Gramática de Juan Antonio Saco Arce (1835-1881), primeira gramática con vocación científica deberiamos dicir, publicada en Lugo na imprenta de Soto Freire (outro clásico do noso Rexurdimento) en 1868. Van alá 150 anos do acontecemento, que marca un primeiro fito nos estudos de lingüística e filoloxía galegas. Anterior á gramática de Saco é o Compendio de gramática gallega-castellana de Francisco Mirás, publicada en Santiago en 1864, que non ten máis valor que o anecdótico. «Curioso adefesio», defínea con humor o profesor Carballo Calero. A Gramática Gallega de Saco Arce, «presbítero, catedrático en el Instituto de Segunda Enseñanza de Orense», tal como se presenta na edición de 1868, é o primeiro intento de sistematización da nosa lingua con criterios filolóxicos, aínda coas súas limitacións, propias do tempo dos pioneiros; alicerce de todo o que veu despois. Así como os editores consideramos a Anxel Casal (1895-1936) o noso padroeiro laico e os xornalistas a Manuel Pardo de Andrade (1760-1832) a primeira pedra da nosa casa, os filólogos, gramáticos e lingüísticas galegos, unha das áreas de coñecemento máis desenvolvidas dos últimos anos, teñen na persoa e na obra de Saco Arce o seu primeiro gran referente. 
V. Freixanes. Presidente da RAG. 
Fonte: lavozdegalicia.es


Saco Arce é unha das figuras sobranceiras do Rexurdimento do século XIX, que é o mesmo que dicir da dignificación primeira da lingua, logo dun devalo de varios séculos. Cando falamos do Rexurdimento falamos decote de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal… Eu inclúo sempre a figura e a obra doutro ourensán ilustre, xornalista de extraordinario talento, Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), autor do celebrado Catecismo do labrego (1889) e doutros títulos de mérito, en prosa e en verso, moi populares no seu tempo. Os citados elevan a lingua galega, afincada na tradición oral, á condición de lingua culta, recoñecida nos rexistros da creación literaria e a letra impresa. Saco Arce vén facer o mesmo dende outro rexistro: o estudo do idioma, a súa sistematización, 
presentado como obxecto de estudo para a súa fixación gramatical e lingüística, á par de linguas próximas máis recoñecidas. Apoiándose nun coñecemento esixente da fala popular (e das súas formas literarías, que recopilou con especial esmero) chanta as bases da poderosa tradición lingüística que chega ata os nosos días. Pon a lingua no mapa da ciencia da filolóxía, por dicilo dalgunha maneira. A primeira gramática do castelán é a de Nebrija (1492), a de Fernâo de Oliveira para o portugués é de 1536. Igual que sucede cos primeiros textos impresos: Proezas de Galicia de Fernández Neira (1810), A gaita gallega de Xoan Manuel Pintos (1853), nós chegamos máis tarde a estes procesos. Pero aquí estamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario