Na prensa da segunda semana de outubro de 1958, ao lado das noticias que anunciaban a morte, o día 9, do Papa Pío XII, podemos ler algunhas notas de lembranza do centenario do matrimonio de Rosalía de Castro e Manuel Murguía celebrado en Madrid, igrexa de San Ildefonso, o 10 de outubro de 1858.
Cen anos despois daquel casamento, o Centro Galego de Madrid convocou un certame literario destinado a “exaltar ese ilustre matrimonio”. O premio gañouno Juan Naya, bibliotecario da Academia, cun traballo titulado “El casamiento de Rosalía y Murguía” e acudiu a eses actos de Madrid Carré, en representación da RAG e Gala Murguía, a única das fillas do matrimonio que na altura vivía (morreu en 1964).
Na Galiza tamén houbo algúns actos, como os que tiveron lugar no Instituto Laboral de Ribadeo. Houbo unha misa de mañá, ás 9.30 horas, á que acudiu alumnado de toda A Mariña; máis tarde, xa de volta da misa, “as clases de lingua e literatura de todos os cursos estiveron destinadas a ler versos de Rosalía “especialmente os relacionados coa angustia dos emigrantes, a psicoloxía dos camponeses e a vida no agro”
Finalmente, á tarde e no Paraninfo, interveñen Gamallo Fierros, Daniel Cortezón e Álvaro Cunqueiro.
Artigo de Xoán Costa Casas
AS-PG

Ningún comentario:
Publicar un comentario