A colección Costa Oeste de Galaxia reapararece cun novo deseño no que a fotografía vai protagonizar o espazo da cuberta, reflectindo así a vida das historias pensadas para esta colección. A esta renovación da forma engádese unha nova temática para a novela xuvenil, que inicia Pepe Carballude coa súa novela Marxinados.

Nesta novela curta Pepe Carballude penetra no mundo da marxinación xuvenil a través da presentación da vida cotiá nun centro de acollida para rapaces e rapazas abandonados ou con graves problemas de sociabilidade. Como subtemas aparecen tamén a inmigración, a cooperación cos países desenvolvidos ou mesmo as angueiras íntimas dos personaxes. Malia que poida parecer que destaque algún personaxe, ata converterse en protagonista, como acontece co educador Vítor Antelo, o certo é que, ao meu ver, prima no lector a sensación dun protagonista colectivo que sería o conxunto de personaxes que viven ou están relacionados dalgún xeito co devandito centro de acollida.
O relato ofrécenos o mundo dos nenos e nenas e adolescentes sen familia ou/e con problemas de socialización, que viven e se educan en centros de acollida. Fronte ao tópico da supostairrecuparabilidade dos adolescentes con problemas de socialización, Carballude aposta polo optimismo, como se pode ver na propia traxectoria vital do educador e baloncestista Vítor Antelo. Mais este optimismo non é un optimismo tolo ou marcado por un buenismo inxenuo. Saíren adiante cústalles ferro e fariña a estes rapaces e a quen se ocupa nos centros de acollida da súa formación. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso
![]() |
Eis pois unha novela de celebración da vida, unha novela que reivindica a inclusión social como fórmula de rematar cos problemas de exclusión social, de marxinación, propios de vidas infortunadas, vidas non bendicidas polos deuses da “normalidade”. Unha novela que presenta áncoras temáticas de moita utilidade para motivar a reflexión dos mozos e mozas, que son especialmente sensíbeis a esta problemática da marxinación social. Crítica de X.M. Eyré
Ningún comentario:
Publicar un comentario