
O 25 de febreiro tivo lugar nas Torres de Santa Cruz a presentación do libro O soño de Xoán do escritor carballés Farruco Graña.
O libro no seu
conxunto está constituído por dous apartados. Un
primeiro titulado Retrato dunha dama, a
continuación un segundo relato formado por O
soño de Xoán, que dá nome ao libro e Viaxe
sideral, que o remata.
Retrato de dama recrea a histórica viaxe (seguramente
fixo dúas á península) de Van Eyck a Lisboa para tirarlle un retrato a dona
Isabel de Portugal, para coñecemento do seu futuro esposo, don Felipe III,
alcumado o Bo, duque de Borgoña. A carón
do pintor Jan Van Eyck como personaxe principal, están presentes personaxes históricos
pertencentes á corte portuguesa e castelá, e pintores de estilo flamenco como o
valenciano Lluis Dalmau. Aproveita o autor para ampliar a viaxe de Van Eyck,
que visita Zamora, Valencia, Granada e
naturalmente Santiago de Compostela onde se produce o encontro e amizade cun
personaxe xudeu, comerciante, Xacob Pereira.
O seguinte
apartado pecha o foco arredor da historia de Xoán Lourido e a súa aventura
mítica e lendaria como é a de voar, que dalgún xeito forma parte do imaxinario
colectivo da humanidade.
Para estes dous
apartados, destacamos por parte do autor varias presenzas temáticas que
enriquecen e envolven a novela.
1. A viaxe. Recurso mítico e marabilloso que na novela se
volve esencial. A viaxe propicia o coñecemento, a chegada dos libros e das novas
ideas. O intercambio entre persoas que non
trocan soamente mercadorías, é
algo máis. A viaxe como forma de aprendizaxe, tolerancia e respecto. Páx. 84
2. A historia. A cronoloxía que abrangue a novela
parte do século XV ao XVII. Situar neste espazo ben delimitado a historia de
Xoán constitúe un gran acerto do autor porque a época representa importantes
avances e cambios na sociedade europea. Vemos o pensamento científico abríndose
camiño entre a ignorancia e a maxia. Así permítelle contrapór a búsqueda de
explicacións racionais da persoa ante a vida e a permanencia aínda de aspectos
conectados coa maxia, supersticións, crenzas
supeditadas aos medos. O Renacemento posibilita o avance da razón e das
explicacións científicas. E deste espazo cronolóxico pasamos á presenza da
Inquisición, que sería outro elemento temático a ter en conta.
3. A Inquisición. Hai na novela unha
copiosa documentación de casos e da persecución da que se documentou o
escritor. Neste apartado gustariame destacar que no libro reflictese, na miña
opinión, en que consiste a real natureza do tribunal. Non bota man Graña de
ningún aspecto relixioso en si, descrenza ou fundamento que fora esencial para
a relixión da época. Máis ben déixanos ver que o alcance desta opresión ten
máis que ver co poder, é dicir, co exercicio real de poder, os conflitos na
vila, da súa organización, Rodrigo Lourido, (páx 75, 76) o embargo de facenda e
bens dos perseguidos, a función da censura- o pensamento único- Poder civil de
artesáns, comerciantes, mariñeiros ( o porto) e vilegos
4. Galicia. Diriamos que se trata dunha novela galega e en
galego, isto é unha obviedade. Para min, hai unha implicación emocional moi
intensa e afectiva arredor de Galicia e a través de diferentes espazos. Serían
coma círculos que envolven todo o sentir do autor e do que proxecta na novela.
Evidentemente citamos a Ribadeo, pero hai máis, continuamos coa súa costa (a
viaxe) chegamos ás terras da Costa da Morte, Santiago e despois as afinidades dunha
Galicia tan europea que se trata con Flandes, con Irlanda… a través da familia
Lourido… o contacto coas novas ideas
Gustaríame salientar o protagonismo coral (máis
masculino ca feminino), a sensación de bulicio, riqueza ambiental, galería de
personaxes que amosa a novela, que nos envolve e fai disfrutar desa época na
que se sitúa e que nos produce auténtica fascinación.
Por último a
búsqueda dun estilo de lingua que nos fai saborear esta época sen parecer nin
arcaica nin antiga, senón moi ben acaída co conxunto da novela, historia,
espazo, personaxes etc
Ningún comentario:
Publicar un comentario