domingo, 23 de maio de 2021

A pintora libertaria de Pepe Carballude. Editorial Galaxia

 

PRESENTACIÓN e RESEÑA de  INMA OTERO VARELA 

O primeiro que vén a cabeza despois da lectura de A pintora libertaria é a coherencia respecto ao resto da produción de Pepe Carballude. É reconfortante atopar a personalidade do escritor, o que lle chaman “estilo”, e para aqueles que temos a sorte de coñecelo, os trazos da persoa. O sentido de humor, a querenza polo refraneiro como se reflicte nos títulos dos capítulos, os diálogos, as referencias ao ensino ou a estrutura episódica, tan propios de Carballude, volven dotar a súa obra de dinamismo.

Flúe a lectura, pero nunca se simplifican os contidos. De feito resulta complicado decidir cal é o xénero do libro, porque dentro atopamos moitas novelas e todas elas moi suxestivas. Aparecen claras chiscadelas á novela negra. Un detective, Sito Rubín, ten que descubrir se unha serie de cadros de Maruja Mallo son auténticos ou non, o que remite á crónica social máis actual, xa que nos últimos tempos os informativos sinalan unha trama semellante, neste caso real. Por suposto estamos ante ficción. Mais o xogo para descubrir quen podería ser quen, mesmo googleando mentres se le, é un atractivo engadido. Isto lévanos á temática artística. Por unha banda imos coñecendo a biografía interesantísima de Maruja Mallo e de intelectuais achegados a ela. Pero tamén imos sabendo como se move o mercado da arte, as técnicas propias das disciplinas plásticas e a profesionalidade das persoas vencelladas a este eido, tan pouco recoñecida socialmente. Neste senso prodúcese unha reivindicación (hai moitas) do sector e da necesidade ética de coñecer e velar polo noso patrimonio. Pero tamén aparece o xénero histórico, concretamente cando se achega á xeración dos 27, ás Sen sombreiro e, sobre todo, ao papel das persoas que estiveron no exilio, porque tamén aquí hai moito de homenaxe a Luis Seoane, Blanco Amor, Colmeiro, Neira Vilas, Dieste e un longa listaxe de nomes cruciais. Aínda figuran dúas temáticas máis.

Maruja Mallo 

A sociopolítica, porque a mostra dos cadros supostamente falsos coincide con eleccións municipais, e a da corrupción que supera a coincidencia cos comicios, xa que ten un alcance sistémico. Construtoras, empresas de morosos ou avogados que non dubidan en ofrecer os seus servizos ás dúas partes que manteñen o litixio só son o cumio dun sistema podrecido pola lei do silencio. Ninguén quere levantar a lebre e expoñerse ás consecuencias da súa dignidade. Citouse antes a Dieste. Tamén a varias reivindicacións que aparecen na novela. Malia que non figura explicitamente, a perspectiva ética, que non moralista porque o autor implícito non toma partido, lembra inevitablemente os mariñeiros de A fiestra valdeira. Eles si loitaron polo seu capital artístico e pola súa honra como colectivo. Se cadra porque era ficción. Mais paga a pena a lectura de A pintora libertaria, outra ficción, para reflexionar sobre algunhas realidades.   
 
Carballude diante do Monumento á Emigración de Luis Seoane. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario