A Real Academia Galega
dedicaralle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán
(Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). O
Pleno da institución acordou na sesión celebrada esta mañá renderlle homenaxe o
ano que vén ao autor ourensán, cuxo labor literario e activismo político e
cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da
diáspora. A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun
galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura
tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México,
país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas
sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un
referente obrigado da nosa historia contemporánea.
Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de doutras publicacións de carácter político e cultural. Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital. Del formaron parte canda o protagonista do vindeiro 17 de maio figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.
Florencio Delgado Gurriarán |
O
autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México
tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema,
un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron
tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé,
Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez. Unha vez en
América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara
tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora
socio protector.
Estes vínculos facilitaron a Delgado Gurriarán publicar a esta beira do Atlántico o seu segundo poemario, Galicia infinda (Galaxia, 1963), onde xunto a textos evocadores da matria valdeorresa sorprendeu cun interesante capítulo de “Poemas mexicanos”. Tamén na terra natal saíron do prelo os seus dous últimos volumes: Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). En
Cantarenas, onde recolle páxinas do seu primeiro libro, pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético, regresando á terra da infancia que tanto o marcou, á que homenaxeou empregando en ocasións como pseudónimo o nome Corgomófilo. O soño do guieiro recolle igualmente poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. O volume inclúe ademais algúns dos seus poemas sociolingüísticos, unha das facetas máis notables da súa poética. Tanto en Cantarenas como n’O soño do guieiro hai mostras elocuentes do seu talento satírico, retrate ao ditador Franco ou describa o desleixo lingüístico de certos falantes.
Florencio
Delgado Gurriarán foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no
ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende
a diáspora. Faleceu en 1987 aos 79 anos de idade cando se atopaba na casa dun
dos seus fillos, en California.
Ningún comentario:
Publicar un comentario