ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA LEDICIA COSTAS
As reunións do club comezaron o venres, 21 de
outubro. Na primeira reunión, presidida pola cabaza do magosto, o club recibiu
unha carta do equipo de Normalización encomendándolles unha misión: axudar a
traducir o menú do comedor do IES Miraflores.
Por que a eles?
Porque o libro do primeiro trimestre ten que
ver con receitas. Cal sería o libro que ían ler???
Aceptaron a misión e dividiron as tarefas. A
misión rematou con éxito e o menú de novembro foi entregado.
Nesta primeira reunión houbo outra proposta de
tarefa: traer as receitas máis saborosas
co aspecto máis repugnante. Nunhas cuartillas tiñan que debuxar e escribir as
receitas co aspecto máis desagradable. Outra opción era recoller as
tradicionais de Defuntos en Galicia.
SEGUNDA REUNIÓN: 26 de
outubro
A segunda reunión despexouse a incógnita sobre
o libro que ían ler: ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA. Algunhas oíran falar
del. Quedaron sorprendidos coas ilustracións, gustáronlles; e tamén lles gustou
que en cada capítulo houbese unha...receita.
Propuxemos a seguinte cuestión: DESCUBRIR POR
QUE O PROTAGONISTA ESTABA TAN TRISTE.
Claro, se lles apetecía podían ler ata o
capítulo que quixesen. Iso si, decidindo que receita lles gustaría cociñar ou
probar.
Ah! Miramos as receitas que conseguiran os
compañeiros e compañeiras... noxentas!
TERCEIRA REUNIÓN: 2 de novembro
Xa descubrimos que foi o que pasou na familia
Román. Non é de estrañar que estivese tan triste. A ver se Escarlatina o anima.
CUARTA REUNIÓN: 8 de novembro
“O
libro comeza a poñerse misterioso, entran ganas de seguir lendo”. Esta é a
opinión da maioría.Daquela acordamos que cadaquén vai ler ata onde lle apeteza.
Teñen varias tarefas para a próxima reunión:
unha proposta de nome para o club, e a proposta dun lugar do Miraflores onde
tirar unha foto do grupo. E foi este.
QUINTA REUNIÓN: 15 de novembro
Mar contounos que fixo a receita das piruletas
de chocolate. Estaban moi boas. Acordamos que se alguén se animaba a cociñar,
tiraría fotos da elaboración e do prato rematado.
Por agora as receitas que máis apetece facer
son a do brownie e das cookies de chocolate tamaño XXL.
O libro está gustando moito e hai que non pode
parar de ler. Incluso dúas persoas xa o remataron. Tratamos de non desvelar
ningún segredo, están moi intrigados.
A proposta desta semana é elixir os debuxos
que máis gustan para reproducilos a tamaño xigantesco. Cales serán os escollidos?
SEXTA REUNIÓN: 22 de novembro
Xa están os debuxos en marcha. Acordamos que
ao final da lectura imos sortear as cartolinas entre as pintoras e pintores. Os
momentos estelares son cando Román puxo en marcha a Escarlatina e cando Román
atopa o avó no Inframundo
A maioría xa rematou de ler o libro e quédanos
só facer a reunión final no que se valore o libro. E sabiamos que ese día ía
haber unha sorpresa.
DERRADEIRA REUNIÓN: 29 de novembro. Todos e todas as integrantes
coinciden en que o pasaron moi ben lendo o libro.Hai alguén que vai pedir a
continuación como agasallo de reis Esmeraldina,
a pequena defunta.
Que cal foi a sorpresa...Paula con axuda da
nai preparou cokies XXL para traer. Explicounos como as fixera. Grazas.
Que ricas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario