Rematamos as reunións do club
de lectura deste curso recibindo a visita doutra escritora, nesta
ocasión Conchi Regueiro. Recibímola onde temos o noso cartel de
homenaxe a Carlos Casares, autor que lle gusta moito a Conchi. Como
sempre subimos á nosa biblioteca para conversar con ela.
O que máis chamou atención
no club foi a presenza dos petos de ánimas no libro. Ninguén
vira ningún; cruceiros, si, pero non petos de ánimas. Na primeira
sesión de lectura tivemos que buscar imaxes en internet para
facernos unha idea do que eran. Son ben fermosos.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEifsLCiib3UOHstRjxrOEp3oc_3zOcQ3MxTiCXmbC2uPggpZmaN3Mp2bYa6splPaSA5JCq_5y-9FSdZFuugZHVuC3yQXp9edz6Swi6lFrV6z3NXiMemqF0aYfyJm6Wz5mFG5JcliL3AU9hE/s320/IMG_20170620_133024.jpg)
Pero a primeira pregunta ía
xa por outro camiño: existe realmente o xogo que aparece descrito no
libro? Pódese xogar desde o móbil? A resposta foi non.
Varios alumnos quedaron
decepcionados cando souberon que non existía, porque lles apetecía
botar algunha partida. E insistiron na pregunta
porque non acababan de crer que Conchi Regueiro inventase un xogo
para o lbro.
A seguinte
pregunta estaba relacionada coa anterior: daquela os escenarios do
xogo que se corresponden cos lugares da historia,tamén son
inventados. E claro a resposta foi que si.
Á maioría das lectoras e
lectores gustoulles que fose unha narración na que se resolveu o
misterio grazas á que as pandillas dos dous protagonistas se puxeron
de acordo. Conchi Regueiro comentou que este libro o incluíron nun
listado de libros colaborativos.
O outro aspecto que lles
gustou da obra foi que tivesen que ir resolvendo o xogo do móbil
para descubrir onde está a profesora Laura.
E unha cousa levou a outra e
acabaron falando da literatura fantástica, que é a preferida da
autora. Preguntáronlle cando se dera conta de que quería ser
escritora, e contestou que desde pequena e que sempre estaba
escribindo novelas novas. E que neste momento estaba escribindo unha
novela de xénero fantástico, similar a moitas obras coñecidas por
todos. Quedaron sorprendidos de que en Galicia houbese autoras que se
dedicasen a ese xénero.
Por último, pedímoslle que
entregase uns diplomas e uns libros de agasallo aos nosos lectores e
ás nosas lectoras do club.
Grazas a Conchi Regueiro por
ter vido ao Miraflores, e agardamos volver a vela pronto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario