martes, 22 de xuño de 2021

PROXECTO " AS VACAS DO MIRAFLORES"

 

PROXECTO AS VACAS DO MIRAFLORES

Vemos as vacas todos os días ao entrar ou saír, no recreo, desde algunhas das fiestras do Miraflores. Aínda que non son nosas sentímolas nosas. Son as vacas do Miraflores. Tan mansas tan vitais, conseguen darnos sosego e momentos de alegría. Antonio é dos maiores fans das vacas e contaxiounos a súa admiración por elas. Que bonitas son! di, e fixámonos nelas, e si... Que bonitas son as vacas do Miraflores!

Se comezamos o curso co lema Todo vai saír ben! Agora podemos rematalo con outro lema: Coas medidas e coas vacinas imos conseguilo! Agora podemos dicir que si, que imos acabar o curso case sen incidencias e que o verán trae boas perspectivas.

A palabra vacina, que nunca tivo unha connotación tan positiva coma agora, deriva da palabra vaca. Nada máis oportuno que homenaxear a este totémico animal da nosa terra, na figura das nosas veciñas, as vacas do Miraflores. Foi o doutor Edward Jenner quen observou que as mulleres que muxían vacas non contraían a varíola e que iso se debía a que entraban en contacto cunha forma leve do virus e que desa maneira adquirían inmunidade. Neste proxecto colaborou unha veterinaria, Pilar, ensinoulle ao alumnado de 1 ESO a interpretar o etiquetado dos produtos lácteos para distinguir cal é o leite producido e envasado en Galicia. Tamén lles  explicou como foi a evolución das explotacións tradicionais ás especializadas en produción de leite, e as consecuencias na economía, organización do territorio e modos de vida dos labregos.

Do 1 ao 20 de xuño expuxemos no corredor os traballos realizados polo alumnado de 1ESO e 3ESO na materia de Plástica e Visual coa profesora Montse. 

Penduramos unha recreación en relevo de dous dos cadros de Luís Seoane dedicados ás vacas do alumnado de 2BAC de Debuxo Artístico II coa súa profesora Ana.

Desde a biblioteca destacamos dous libros Memorias dun neno labrego, e o seu entrañable Balbino,”un rapaz da aldea, un ninguén”. O alumnado de Reforzo realizou unha versión coloreada da ilustración de Isaac Díaz Pardo. E Bea tróuxonos o xugo tan ben labrado e o loro, que aparece explicado no libro de Uxío Fuentes para que o alumnado puidese ver como son na realidade os apeiros que aparecen na ilustración de Díaz Pardo

E o outro libro destacado e  que leu o alumnado de 1ESO, é Os soños na gaiola no que destacamos o poema. A señora vaca,(que traballaba sen taxa). Expuxéronse collages realizados por tres alumnas de 1ESO na materia de Lingua galega inspirados no devandito libro.

O mércores, 16, o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, veu visitar a exposición e no encontro co alumnado falou da creación da Fundación, da súa amizade con Manuel María e destacou de entre todas a calidades do seu amigo Manuel María, as ansias de aprender, de reparar no que vía e querer saber das cousas. 


E levou o mellor agasallo que se poida imaxinar: A nosa compañeira María fixo doazón dun carro da Terra Chá, unha reprodución a escala con todos os detalles feito polo seu tío Jesús Vázquez Río para que a Fundación Manuel María poida expoñelo na Casa-museo, e todas as nenas e nenos que non viron un carro poidan desfrutar desta marabillosa maqueta do noso emblemático carro de vacas.

 O 2021 vai ser lembrado como o ano das vacinas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario